miércoles, 11 de febrero de 2009

Detalles para os invitados. Parte I


Isto foi máis fácil que a elección do restaurante. Queriamos algo bonito, orixinal, propio de Galicia, que non se excedera moitísimo de prezo, pero que, sobre todo, non se gardase nun caixón por educación (por non tiralo), para que uns anos despois cando se recolla o cuarto remates por desfacerte del porque chegaches á conclusión de que tan só o gardabas por educación.

Por certo, serei máis breve que no primeiro post, pero claro, tamén é o tema do Sitio o que máis voltas nos fixo dar, posto que tamén é o máis relevante.

A primeira idea que nos veu foi regalar algunha peza ou pratiño, etc. de Sargadelos, pero tiña o problema de que xa é algo moi visto, pese a iso, un día achegámonos á fábrica e exposición que Sargadelos ten en Sada (a outra está en Cervo), pero non atopamos moita cousa; todo o que era bonito tratábase de pezas grandes, co cal rematamos pronto a visita, pese a que Charo dedicou tempo en enredar vendo os libros que alí tiñan da editorial Edicións do Castro, que como saberedes pertence ao Grupo Sargadelos.

Ao igual que de carambola fomos saber do Pazo a Toxeiriña, co tema dos recordos de voda tamén sucedeu algo similar, xa que Charo no verán de 2008, nun parque que hai aquí en Santa Cruz (Oleiros) onde se celebraba a Feira de Alfarería Popular “Alfaroleiros”, onde máis de vinte alfareiros procedentes de diversas rexións de España mostraban os seus produtos, veu algo que lle gustou para “recordo” para os invitados. Xusto no último día que expoñían levoume a velo, e gustoume, pero como levabamos présa porque nos empezaba unha clase do ximnsaio, naquel momento simplemente sacamos a correr unha foto daquel stand onde se vise o nome do propietario e a súa procedencia, por se tomaba forza a idea e queriamos buscalo en internet para poñernos en contacto con el, como así foi finalmente:

Fonte: EFE


Agustín Vázquez Ferreiro foi o gañador da categoría tradicional da VII edición do Premio de Artesanía Antonio Fraguas, da Deputación da Coruña. Grazas á peza de cerámica vidriada denominada “Ola de graxa”, impoñéndose ás 192 pezas de Galicia e España presentadas ao certame. O premio Antón Fraguas recibe unha axuda económica de 4.500 euros, e ademais a obra en cuestión, pasa a engrosar parte do patrimonio artístico da Deputación da Coruña.

Segundo indica o presidente dos artesáns galegos Manuel González Arias, trátase do premio máis importante deste tipo de cantos se convocan en Galicia. A calidade do mesmo evidénciase no feito de que o catálogo da exposición pódese atopar nas bibliotecas máis importantes de España como a Biblioteca Nacional.

Comentarvos aquí que Agustín é o encargado de realizar tanto o recordo para mulleres como para homes (os nenos terán outra cousa), xa que pese á nosa tolerancia, non iamos ir en contra dos nosos principios e regalar como “detalle” un puro para os homes. Pero que ninguén se asuste, xa que haberá tabaco (Marlboro) e puros para todo o mundo na barra libre, que con Borja e Diego seguro que amortizamos.

Agustín pertence ao complexo oleiro da localidade ourensá de Niñodaguia (onde é considerado un dos seus iconos máis importantes) no Concello de Xunqueira de Espadanedo, o segundo centro alfareiro máis importante de Galicia despois de Buño.

A cerámica tradicional (as pezas elixidas para os invitados son contemporáneas e de gres, non barro, non son as que vedes aquí) de Niñodaguia ten como primeira particularidade a cor, xa que utilizan principalmente o branco e o amarelo, ademais diferéncianse pola calidade do barro, xa que a coción realízase en fornos antigos e non en eléctricos. Aínda que a artesanía de Niñodaguia participa en feiras de toda España, sucede que incluso na súa propia provincia é unha descoñecida, pese a que Niñodaguia está a tan só 20 quilómetros de Ourense.

Fonte: Asociación Galega de Artesáns


Este alfareiro segue elaborando (entre moitas outras cousas) ata 28 tipos de vasixas para diferentes usos domésticos (gardar aceite, quentar os pés, comer patacas, gardar auga, viño ou tripas na matanza,…) tal e como se facía hai polo menos 400 anos, nun barro amarelo único e específico da zona. Esta fabricación tradicional, foise perdendo nos anos 60 pola chegada do plástico, o aceiro inoxidable e as cociñas de gas, pese a que o barro é moi bo. Agustín vende só ao redor de 40 deste tipo de pezas para coleccionistas, aínda así, continúa facéndoas para manter viva a tradición.

Talleres como o de Agustín Vázquez e outros en Buño manteñen a elaboración de pezas históricas máis alá do seu interese comercial. Non deixedes de visitar a súa tenda-exposición se pasades pola zona, seguro que vos sorprende.
Fotos dos recordos da voda poñerémolos despois de que se celebre esta. Un detalle que si podemos adiantar é que a customización propia para a ocasión das pezas a regalar, formará parte delas mesmas, xa que Agustín porá os nosos nomes mais a data da voda nestas antes de metelas no forno para a súa coción.

Ben amigos, non vos queixedes, que vos estamos regalando arte. Polo menos a aqueles que viron (como Charo Lalín) as pezas que lle compramos a Agustín na nosa primeira visita para ensinar na casa dixeron que lles gustaban moito, e sobre todo que resultaba algo distinto e orixinal. ¡Obxetivo cumprido!.

O que si mercamos nunca tenda foron as fundas, que tras mirar en varias tendas de Coruña fóronse a mercar en Mimbre Regalos.

Nota: Comentar, que nas vodas, para as mozas estase poñendo ás veces como detalle unhas alpargatas para que no baile poidan estar máis cómodas que cos tacóns.

6 comentarios:

  1. ¿A ver cantos dos agasallos chegan enteiros as casas? Fagan as súas apostas!

    Conclusión: vannos dar algo de deseño exclusivo, de cerámica, que nos será útil. Adiviña, adiviñanza?

    ResponderEliminar
  2. Home, Ana, o que se di útil útil tampocouco é que sexan.

    ResponderEliminar
  3. Por cierto, un gran detalle es el malibú...

    ResponderEliminar
  4. Menuda!!, se están recibiendo de momento más peticiones para la barra libre, que para el DJ.

    ResponderEliminar
  5. Nada de Malibú, Martini, etc las bebidas dulces dejan mucha resaca. Whisky y Ron! Yo quiero ser persona al dia siguiente.

    ResponderEliminar
  6. A mal tiempo, buena cara: Ya ves Diego, en vez de seguir la moda y debatir sobre la crisis o las elecciones (que viene siendo lo mismo), aquí "la peña" discute sobre bebidas espirituosas.

    ResponderEliminar